País invitado: Angola

Seguindo a liña aberta nas últimas edicións, o Festival Primavera do Cine en Vigo pretende tender pontes internacionais abríndose as cinematografías dos países lusófonos, tan achegados a Galicia histórica e culturalmente. Nesta sexta edición, estreamos a sección “país invitado da lusofonía”, destacando unha cinematografía pouco coñecida, que nos últimos anos vén ofrecendo filmes de elevado interese: o cine angolano.

Nas últimas décadas, o mundo do cine vén salientando as posibilidades do continente africano con respecto á produción cinematográfica. Varios países europeos, algún deles con pasado colonial recente, decidiron abrir vías de coprodución con países africanos propiciando a aparición de autores emerxentes, cun estilo anovador e unha identidade cultural propia.

No caso de Angola, resulta un valor engadido e salientable a presenza de mulleres cineastas que, nos últimos anos, dirixen filmes de singular relevancia. Faremos fincapé en dous casos de creadoras que levaron a cabo películas verdadeiramente referenciais.

En fin, a proposta de Angola como país invitado supón a posibilidade de contemplar traballos que coinciden na necesidade de construír un relato cinematográfico propio sobre a historia recente do país, afirmando o específico da súa cultura e denunciando os desatres provocados pola guerra: unha ollada necesaria, que viña sendo silenciada polos avatares históricos dun século XX ás veces despiadado.

Textos: Alfonso Castaño